Saturday 29 de June de 2024

Carral reforza a súa posición como punto estratéxico para a creación de animación 3D da man de AMIGA


· O alcalde, Javier Gestal, e o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, recibiron, esta mañá, ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no centro tecnolóxico.

· A visita correu a cargo do director

O alcalde de Carral, Javier Gestal, e o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, recibiron, esta mañá, ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no centro AMIGA. Guiados por un dos responsables do centro, o director, produtor e gañador dun Goya, Xosé Zapata, realizouse un percorrido completo polas instalacións, que se inauguraron, de xeito oficial, en xaneiro do 2024. Na actualidade, hai catro equipos traballando en diferentes proxectos audiovisuais, entre eles, nunha nova serie de animación para a Televisión de Galicia. O rexedor sinalou que estas dependencias están situando a Carral como “un punto clave e estratéxico no sector da animación”.

A instalación conta con, aproximadamente, 600 metros cadrados e catro aulas: un laboratorio preparado para stop motion e stagecraft, un estudo de produción de animación, un espazo de coworking aberto a todas as persoas cun proxecto que o necesiten e unha aula. Ademais, dispón dunha sala de proxeccións onde, nas últimas semanas, se chegou a emitir Guardiana de dragones (2024), un filme que se estreou no mes de abril nos cines.

Formación

AMIGA está funcionando, ademais, como un punto de formación. Nos últimos meses, realizouse no centro un máster do programa Blender, moi empregado na produción de películas de animación. Porén, esta non será o único programa formativo, xa que no mes de setembro celebraranse outros catro cursos. Un deles, sobre o programa Maya e que estará impartido por Max Puentes, un animador cunha longa traxectoria profesional e que traballou en películas como Avengers: Age of Ultron, Batman vs Superman ou Jurassic World, entre outras producións internacionais.